Friday 03 de May de 2024

Galicia xestionará 21,6 M€ dos Fondos Europeos para proxectos e actuacións en materia de biodiversidade


Ángeles Vázquez lamenta que debido aos criterios de reparto do Ministerio, a contía asignada para conservación e restauración do patrimonio natural galego é insuficiente para unha Comunidade na que o 42% do territorio conta con algún tipo de protección

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda disporá de 21,6 millóns de euros procedentes dos fondos europeos para financiar proxectos e actuacións en materia de conservación e restauración dos ecosistemas e da súa biodiversidade. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico confirmou hoxe o reparto definitivo do financiamento reservado no Plan de recuperación, transformación e resiliencia á chamada compoñente 4, na que se inclúen os proxectos que lle corresponde xestionar a este departamento.

Durante a Conferencia Sectorial telemática celebrada esta mañá, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lamentaron que a contía da que disporá esta Consellería de aquí ao ano 2023 resulta claramente insuficiente para unha Comunidade na que o 42% do territorio conta con algún tipo de protección.

Neste sentido, a conselleira subliñou que o Goberno galego reclamou en varias ocasións que se revisaran os criterios a aplicar para a territorialización dos fondos co fin de darlle máis peso á superficie protexida de cada Comunidade e que se tiveran en conta tamén as Reservas da Biosfera. Non obstante, o Ministerio non variou a súa postura inicial e a contía asignada finalmente a Galicia quedou por debaixo das expectativas da Xunta.

Así, cómpre lembrar que no marco da compoñente 4 a Dirección Xeral de Patrimonio Natural remitiu ao Ministerio unha decena de proxectos cun investimento previsto de 121,8 millóns de euros e que cumprían todos os requisitos para ser elixibles, de xeito que a asignación definitiva de fondos en materia de ecosistemas e biodiversidade obrigará a replantearse tanto os seus obxectivos como o seu contido.

En concreto, dos 21,6 millóns de euros que xestionará a Consellería, case a metade —10,7 M€— destinaranse a actuacións de conservación e mellora no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, nos parques naturais, en espazos incluídos en Rede Natura e nos ríos galegos.

Así mesmo, na reunión tamén se concretou o reparto por comunidades dos fondos destinados especificamente a axudas para as Reservas da Biosfera. Con relación a este punto, a conselleira amosou unha vez máis a súa satisfacción pola decisión do Goberno central de incluír neste reparto á futura sétima Reserva da Biosfera, a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel —que previsiblemente obterá a declaración definitiva a finais deste verán—, unha petición expresa da Xunta e que foi atendida polo Ministerio.

A este respecto, as seis zonas que xa teñen este recoñecemento na Comunidade e a que aspira a ser a sétima Reserva da Biosfera de Galicia recibirán un total de 6,4 millóns de euros procedentes do Plan de recuperación estatal.

Por último e no relativo aos fondos dedicados tanto a subvencións para as áreas de influencia socioeconómica dos Parques Nacionais como a actuacións directas nos mesmos, a Xunta tamén deixou constancia da súa disconformidade cos criterios de reparto do Ministerio, que non tivo en conta a singularidade do Parque Nacional das Illas Atlánticas —ao que no reparto actual corresponderanlle case 4,5 M€—, condicionado pola súa insularidade e pola fragmentación dos catro arquipélagos que o compoñen.

Da mesma maneira, Ángeles Vázquez solicitou de novo que se teñan en conta as súas propostas de cara a futuros repartos de fondos.